Monday 16 de September de 2024

O Concello asina un convenio de colaboración con Padre Rubinos para a recollida e xestión de roupa usada


Instalaranse un centenar de colectores na cidade para que os veciños poidan depositar os residuos téxtiles

O concelleiro de Medio, Enrique Salvador, asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Institución Benéfico Social Padre Rubinos para a posta en marcha dun proxecto piloto de carácter social e ambiental baseado na recollida selectiva de xestión de roupa usada e outros téxtiles e a súa xestión baixo principios de función social.
O concreto, o obxectivo da iniciativa é lograr a correcta xestión ambiental da roupa usada de orixe domiciliaria; a identificación dos cidadáns cun proxecto social; a creación de postos de traballo directos, dirixidos a persoas en risco de exclusión social e doutras actividades complementarias derivadas da xestión; a creación de itinerarios formativos para a inserción de persoas en risco de exclusión social; o reinvestimento dos beneficios económicos derivados da actividade en proxectos sociais; e o aforro municipal de custos derivados da xestión actual dos téxtiles, estimada en 94.100 euros ao ano, tendo en conta que cada habitante xera, ao ano, uns residuos téxtiles de, aproximadamente, 7 quilos.
Tal e como explicou o concelleiro, ata o momento a cidade non contaba cunha recollida específica de roupa usada aínda que a Ordenanza Municipal de Residuos recomenda aos cidadáns a súa entrega a entidades sen ánimo de lucro. A raíz deste convenio, os cidadáns poderán depositar estes residuos téxtiles nalgún dos colectores específicos que se situarán preto de edificios ou dependencias municipais e que poderían roldar o centenar en toda a cidade. A medida implantarase, de forma progresiva, ao longo de dous anos.

Padre Rubinos encargarase, nas súas dependencias de San Roque de Afuera, da recollida de roupa, así como da súa xestión e clasificación. Prevese que o 30% da roupa recollida teña como finalidade a venda por xunto para mercados secundarios, mentres que se establece que, polo menos, o 30% se destine directamente a cidadáns en risco de exclusión social. Desta forma, conséguense satisfacer fins tanto sociais coma ambientais, ademais de lograr unha maior concienciación cidadá.
A colaboración realizarase, como acontece noutras cidades tales como Zaragoza, Barcelona, Ciudad Real, Málaga ou Salamanca, a través dun contrato administrativo de concesión de dominio público, baixo a fórmula de adxudicación directa a unha entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública, e terá un prazo de duración de 12 anos, con posibilidade doutros tres anos de prórroga.